REDE GALEGA DE DINAMIZACIÓN XUVENIL

A Rede Galega de Dinamización Xuvenil é un programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que busca salvar a distancia existente entre a Administración e os mozos, creando un servizo de asesoramento e unha canle de difusión adecuados para todos os recursos que dende a Xunta de Galicia se poñen á disposición da poboación máis nova.

A Rede Galega de Dinamización Xuvenil está composta por un equipo de dinamizadores, que presta servizo aos actores clave no traballo cos mozos en todo o territorio autonómico: concellos, universidades, centros de ensino secundario, asociacións, etc. Así como a todos aqueles mozos que dunha forma independente soliciten información ou asesoramento en materia de xuventude.

Os obxetivos estratéxicos da Rede Galega de Dinamización Xuvenil son os seguintes:

  1. Contribuír á dinamización da mocidade galega a partir da difusión da información do seu interese e da posta en marcha de actividades que respondan ás súas inquedanzas. 


  2. Incrementar a participación dos mozos e mozas creando espazos para o debate e a participación. 


  3. Contribuír a canalizar o protagonismo e capacidade de liderado dos mozos e mozas e a xerar unha visión positiva da mocidade no seu ámbito 
territorial. 


  4. Motivar á xuventude co obxecto de fomentar a súa participación na sociedade como cidadáns activos.

  5. Posibilitar un proceso máis favorable á emancipación e autonomía dos mozos e mozas a partir da información.

  6. Incidir na igualdade de oportunidades da xuventude a través do acceso á información.

  7. Organizar actividades a partir dos intereses e necesidades da mocidade. P

Para lograr estes obxectivos realizamos, entre outras, as seguintes actividades:

Ágora Xove – Xornadas de Educación non Formal: un programa orientado á creación de espazos que faciliten a participación dos mozos galegos na vida social, económica e cultural da nosa comunidade autónoma a través da celebración de distintos foros que valoren e consoliden o protagonismo dos mozos na súa contorna.

Correspondentes Universitarios: un programa que aspira a fomentar a participación activa dos alumnos das tres universidades galegas, na difusión e dinamización da información xuvenil entre os seus compañeiros de estudos. Para que este programa teña un maior impacto asinouse un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo e están en fase de tramitación senllos convenios coas universidades de Santiago e A Coruña.

Dinamizando o Medio Ambiente: un programa que busca valorizar o patrimonio natural galego para que a mocidade tome conciencia da súa importancia ecolóxica, mediomabiental e económica, a través de experiencias activas de achegamento ao seu coñecemento e disfrute. A implicación dos mozos nesta tarefa é clave ao demostrar, co seu compromiso, a importancia que a preservación da contorna ten para as xeracións futuras. 

Curso de Dirección e Xestión de Proxectos de Participación Xuvenil: a través deste curso buscase facilitar aos mozos participantes ferramentas, tanto prácticas como conceptuais, que lles leven a impulsar e executar con éxito proxectos de participación xuvenil no ámbito das organizacións sen ánimo de lucro. Celébrase con caracter anual en cada unha das sete principais cidades galegas (A Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo).

Incubadora de proxectos: paralelamente ás convocatorias públicas de subvencións da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; realízanse ao longo da xeografía galega distintas charlas (Incubadoras de proxectos) nas que informamos das características de cada unha das convocatorias e animamos aos mozos e ás entidades xuvenís a participar nas mesmas. Así mesmo, fomentamos o asociacionismo xuvenil a través dun servizo permanente de asesoramento a todos aqueles mozos que queiran iniciar os trámites de constitución dunha nova entidade.N XUVENIL.

Xuventude nas Ondas: xestionamos, en colaboración con distintas emisoras de radio locais, un espazo radiofónico semanalmente de información xuvenil.